O Presidente e a Alcaldesa supervisan a urbanización das rúas Deputación, da Feira e do Mercado dotadas de 735.000 euros do Plan Extraordinario de Obra Pública
Os 30 operarios, capataces e enxeñeiros que executan estes traballos, engádense as 13 que comezarán a súa actividade o 1 de marzo co Lugo Emprega
Besteiro e Regina inauguran o 1º viveiro de empresas rural na provincia que Deputación e Concello poñen en marcha no Telecentro de Guitiriz en apoio ó tecido empresarial
O Concello logra situar no polígono de Pardiñas un centro loxístico de transportes pioneiro en Galicia que suporá a creación duns 10 empregos directos
Os 30 operarios, capataces e enxeñeiros que executan estes traballos, engádense as 13 que comezarán a súa actividade o 1 de marzo co Lugo Emprega
Besteiro e Regina inauguran o 1º viveiro de empresas rural na provincia que Deputación e Concello poñen en marcha no Telecentro de Guitiriz en apoio ó tecido empresarial
O Concello logra situar no polígono de Pardiñas un centro loxístico de transportes pioneiro en Galicia que suporá a creación duns 10 empregos directos
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto á Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, supervisou este venres as obras de urbanización que está a executar o organismo provincial nas rúas Deputación, da Feira e do Mercado de dito Concello. Trátanse dunhas actuacións dotadas de 735.000 euros, que se enmarcan dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública posto en marcha para adiantar a saída da crise na provincia.
Con estes traballos a Deputación dá emprego a 30 persoas que están a solventar as deficiencias que presentan ditas vías situadas no núcleo urbano, constituíndo o principal acceso da localidade guitiricense á A-6. As actuacións que están a levar a cabo son as seguintes: afirmado, pavimentación, sinalización horizontal e vertical, instalación de alumeado público, redes de telefonía e telecomunicacións, colocación de contedores subterráneos e dotación de mobiliario urbano, papeleiras, bancos e xardineiras. Os operarios, capataces e enxeñeiros recén contratados para a execución destas obras, engádense ás 13 persoas que comezarán a súa actividade o vindeiro martes, 1 de marzo, co Lugo Emprega. Deste xeito, as políticas da Deputación supoñen a creación de máis de 40 novos traballos en Guitiriz.
1º viveiro de empresas rural da provincia
Besteiro e Polín inauguraron no Telecentro de Guitiriz o primeiro viveiro de empresas rural da provincia que leva por nome: “Centro Municipal de Iniciativas Empresariais”. Trátase dun servicio que fomentará a creación de emprego e o desenvolvemento da economía local, poñendo á disposición dos emprendedores oficinas, asesoramento, formación e apoio de persoal técnico co obxectivo de promover o arranque e consolidación de novos proxectos empresariais. A Deputación colabora con esta iniciativa municipal mediante unha subvención de máis de 20.000 euros que se investirá na contratación de novo persoal que, durante nove meses, se encargara de xestionar este pioneiro proxecto no eido rural. Segundo datos dun estudo da Universidade de Santiago de Compostela, o 90% dos proxectos empresariais que contan con apoio e asesoramento do persoal dun viveiro de empresas ten éxito. En contra posición, o 50% que non emprega este servizo fracasa.
Gómez Besteiro salientou que “dende as administracións temos que impulsar e apoiar proxectos que supoñan a creación de emprego. Só co Plan Extraordinario de Obra Pública e o Lugo Emprega logramos que máis de 40 persoas atopan traballo en Guitiriz. A maiores, a Deputación vai a construir unha residencia e centro de día que suporá a creación de máis de 20 novos postos de emprego. Con este 1º viveiro de empresas Concello e Deputación fomentamos a xeración de novas empresas e traballos apoiando os nosos empresarios e emprendedores. Xuntos damos solucións”. Pola súa banda, a Alcaldesa subliñou que “este proxecto é unha aposta polo emprego e pola xuventude. Queremos que os rapaces cando rematen os seus estudos non se vai do noso pobo senón que encontren emprego aquí. Por iso, hoxe presentamos dúas iniciativas baixo un lema: viveiro de empresas + parque empresarial=emprego en Guitiriz”.
O primeiro viveiro de empresas rural é froito dun acordo entre o Concello e a Universidade de Santiago de Compostela para impulsar á creación de novas empresas -ata superar a etapa de risco- e á consolidación de iniciativas recentes –de ata dous anos de antigüidade-. Conta con espazo para a ubicación de 4 entidades. Ademais, tamén prestará apoio a outros proxectos que non estén localizados fisicamente nel. Os servizos que ofrece nun principio son os seguintes: cesión de locais para ser utilizados como oficinas polas empresas por un período máximo de tres anos; uso da sala de xuntas para reunións de carácter profesional tanto para as firmas que teñan oficinas no centro, como as que desenvolvan a súa actividade fóra del pero precisen deste servizo (facendo uso do denominado réxime virtual); e asesoramento e titorización individualizada acerca da viabilidade técnica, económica e financeira de calquera proxecto emprendedor. Acordouse que soamente se cobrará polo uso dos espazos cos que conta o centro, e que o servizo de asesoramento sexa totalmente gratuíto.
Centro de transportes
O Presidente e a Alcaldesa anunciaron ademais, a creación dun centro loxístico de transportes no polígono de Pardiñas. Trátase dunha pioneira iniciativa en Galicia promovida pola Asociación Coruñesa de Empresarios do Transporte (ASCENTRA), que suporá a creación de 10 postos de traballo de forma directa, e contribuirá ó mantemento dos 883 empregos cos que conta na actualidade a entidade promotora, formada por varias cooperativas. A Rexedora destacou que ASCENTRA aproveita unhas instalacións “modélicas e de futuro” existentes no parque empresarial, que precisamente foran inauguradas polo Presidente da Deputación no ano 2008. Besteiro e Polín destacaron que esta ambiciosa iniciativa, que estará en funcionamento no mes de abril, se converterá nun referente na Comunidade. Neste senso, subliñaron que a creación do viveiro de empresas e a dinamización do polígono industrial, co asentamento de actividades tan importantes coma a do centro de transportes, son dous eixes que serven de revulsivo para a xeración de emprego tanto no Concello, como no resto da provincia.
O centro loxístico de transportes relanzará o parque empresarial de Pardiñas. Coa súa posta en marcha, as firmas adheridas á entidade promotora gañarán en competitividade, ó conseguir unha redución dos custes de explotación do negocio, sobre todo os de combustible. Mellorará ademais a súa operatividade e facilitará o crecemento do seu volume de negocio pola localización estratéxica de Guitiriz. Precisamente, no Plan Estratéxico elaborado pola Deputación definíase ó eixo Guitiriz-Baamonde como un dos que ten máis posibilidades de futuro en canto á distribución de mercadorías.
A posta en marcha desta infraestrutura supón unha inversión de 1 millóns de euros destinados a avalar ante as petroleiras as compras de combustible durante o primeiro medio ano de funcionamento. O obxectivo é que, tras ese período de seis meses, o centro se autofinancie cos recursos que xere. A previsión de ASCENTRA é que o servizo acumule un beneficio de 1,7 millóns de euros nos primeiros 5 anos de funcionamento. De case 10 postos que creará nun primeiro momento, a metade preténdese que sexan para persoas con algún tipo de minusvalía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario