A Deputación asume a contratación dos operarios do Lugo Emprega de Lourenzá logo de que concluíse o prazo de 48 horas concedido ó Alcalde para que reconsiderase a súa postura e aceptase ós seleccionados
O 7 beneficiarios comezarán a traballar a finais da semana que vén. A Deputación enviou hoxe un escrito ós Concellos limítrofes para que comuniquen a súa admisión
A Xunta de Goberno aprobou, fóra da Orde do Día e con carácter de urxencia, a rescisión do convenio de adhesión ó programa Lugo Emprega do Concello de Lourenzá, así como a proposta para contratación dos 7 traballadores que superaron o proceso selectivo. A Deputación tomou esta acordo logo de que concluíse o prazo de 48 horas concedido polo organismo provincial ó Alcalde para que reconsiderase a súa postura e aceptase ós operarios seleccionados. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “foi a única excepción entre todos os Alcaldes de provincia, xa que logo de asinar o convenio de adhesión, non quixo contratar ás persoas que pasaron o proceso selectivo e que, por tanto, teñen uns dereitos adquiridos”.
Ante a ausencia de resposta, a Deputación decidiu reorientar os benefeciarios ós Concellos limítrofes co obxectivo de que os seleccionados comecen a traballar canto antes. Neste senso, hoxe enviouse un escrito ós municipios de Barreiros, Trabada, Foz, Mondoñedo e Riotorto para que no prazo de 48 horas comuniquen a súa decisión sobre a posible admisión dos beneficiarios.
Tendo en conta esta situación, Antonio Gato anunciou que a finais da vindeira semana os 7 seleccionados estarán a pleno rendemento. Para a súa redistribución seguiranse os mesmos criterios que foron empregados para a elaboración do Plan: a proporcionalidade e o núemro de habitantes. Asimesmo, Gato Soengas lembroulle ó Alcalde de Lourenzá que o proceso selectivo foi realizado conforme ás bases da convocatoria do Plan Lugo Emprega publicadas no Boletín Oficial da Provincia e aprobadas polo Pleno en decembro e respaldadas por 66 Concellos -todos os do PP agás o de Incio- que voluntarimente decidiron adherirse ó programa, a pesar de que José Manuel Barreiro ordease votar en contra do Pleno provincial, polo que o respaldo e a legalidade das bases están fóra de toda dúbida. Neste senso, recomendoulle “ó señor Vidal e ó señor Barreiro que fagan o posible por convencer a Feijóo de que aumente os recursos destinados ó plan de cooperación e que deixen de poñer chinas no camiño. A vindeira semana teremos resolto este asunto”.
enlace
No hay comentarios:
Publicar un comentario