lunes, 7 de marzo de 2011

548 desempregados comezan a traballar nos Concellos da provincia grazas ó Lugo Emprega

A Deputación arrinca en 60 Concellos o Plan co que reducirá o número de parados na provincia ó tempo que incrementa a cooperación municipal. A vindeira semana farano as persoas que resultarán seleccionadas en Sarria, Viveiro e Vilalba
Os servizos xurídicos remitiron ó Alcalde de Lourenzá o informe que demostra que o proceso selectivo cumpriu estrictamente a lei, polo que no caso de rexeitar o Plan, a Deputación contratará igualmente as 7 persoas que serán reorientadas a outros Concellos
O Presidente e o Alcalde de Pol supervisan os traballos que están a executar os beneficiarios deste municipio, no que o organismo provincial investiu preto de 3 millóns de euros durante o mandato

A Deputación arrincou este martes o Plan Lugo Emprega co que reducirá o número de parados na provincia ó tempo que incrementa a cooperación cos Concellos. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde Pol, Lino Rodríguez, supervisaron este martes o inicio dos traballos que realizan as sete persoas que atoparon traballo neste municipio grazas a esta ambiciosa iniciativa, que inclúe a contratación de 711 desempregados da provincia durante 6 meses, que prestarán o seu servizo en labores de mantemento, conservación e mellora dos servizo públicos de carácter local.
Neste senso, Gómez Besteiro subliñou que “a partir de hoxe moitas familias como estas veciños de Pol recibirán mes a mes novos ingresos grazas á Deputación. Cada emprego é unha victoria e nós sentímonos moi orgullosos de que con este Plan 7 persoas atopasen traballo neste Concello, solucionando os seus problemas. Levamos dous anos sen plans da Xunta. Como administración responsable das políticas activas de emprego e como responsable de todos os galegos, ten que liderar o proxecto e impulsar medidas como o Lugo Emprega. É hora de deixar de botarlle a culpa ós demais e de poñerse á traballar”.
En total, 548 persoas comezaron hoxe a traballar en 60 Concellos da provincia. A vindeira semana farano as 24 persoas que resultarán seleccionadas en Sarria, as 27 en Viveiro e as 26 en Vilalba. No caso das 73 persoas que atoparán traballo en Lugo, os aspirantes iniciarón o proceso selectivo este venres. Nestes municipios, a selección xa non depende da Deputación senón que son as propias entidades locais as que se encargan do proceso.
As excepcións: Lourenzá e O Incio
Asimesmo, nos vindeiros días tamén o farán as sete de Lourenzá e outras tantas no Incio. Polo que se refire ó municipio mariñano e logo de que o Alcalde cuestionase o procedemento seguido polo organismo provincial para a selección dos contratados, Gómez Besteiro anunciou que hoxe mesmo os servizos de asesoría xurídica da Deputación remitíronlle o informe no que se explica e se deixa claro que o proceso selectivo cumpriu todos os parámetros legais. No suposto caso de que o rexedor non acepte, o organismo provincial contratará igualmente ás persoas, que serán reorientadas a outros Concellos.
No caso do Incio, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou o venres pasado a encomenda de xestión, a través da cal a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) realizará a selección das 7 persoas que atoparán traballo e que prestarán o seu servizo realizando tarefas de mantemento e mellora das áreas verdes que xestiona SUPLUSA en Vilasouto e o río Mao. É dicir, actuarán no encoro do Val de Lemos que abastece auga a Monforte de Lemos e tamén se encargarán do inicio das obras de recuperación da Casona, situada na zona coñecida como polígono 1. A Deputación puxo en marcha un plan específico de emprego para este Concello logo de que o Alcalde, Ángel Camino, rexeitase a súa adhesión. Deste xeito, o organismo dependente da Deputación realizará as probas a finais da semana que vén para que os beneficiarios estén a pleno rendemento a mediados de mes.
Distribución por comarcas
Das 548 persoas que comezaron hoxe a traballar, 138 prestan o seu servizo nos Concellos da Mariña. Na comarca dos Ancares, integrada polos municipios de Becerreá, As Nogais, Baralla, Cervantes, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro, 44; na de Chantada (Carballedo, Chantada e Taboada) 36; na de Fonsagrada (Baleira, Fonsagrada e Negueira de Muñiz) 20; na Comarca de Lugo (Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Outeiro de Rei, Portomarín e Rábade) 59; na Comarca de Meira (Meira, Pol, Ribeira de Piquín e Riotorto) 25; na de Quiroga (Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil) 23; na Comarca de Sarria (Láncara, Paradela, O Páramo, Samos, e Triacastela) 34; na de Castro de Rei (Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Pastoriza e Xermade) 75; na Comarca de Lemos (Bóveda, Monforte de Lemos, Pantón, Pobra de Brollón, Saviñao e Sober) 69; e na Comarca da Ulloa (Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei) 25.
Galicia liderou en 2010 o paro en España e, na provincia, o desemprego rexistrou un aumento do 10,32%. Para paliar esta situación, a Deputación xestionou de forma áxil e eficaz este programa sen precedentes na Comunidade, converténdose en administración galega que impulsou a iniciativa máis cuantiosa de todo o territorio autonómico para reducir o paro. O plan tivo un grande éxito de convocatoria. Nos 66 municipios, agás o de Incio que dende un principio renunciou á adhesión do Plan, rexistráronse 6.700 solicitudes, das que 2.407 corresponden ós Concellos de menos de 5.000 habitantes ou con menos de 500 parados e, o resto, ás entidade locais que superan esta cifra. A boa xestión protagonizada polo actual equipo de goberno permitiu que a Deputación puidese financiar con fondos propios esta iniciativa dotada con 8 millóns de euros, e en incrementar a débeda pública. Ten un custe 0 para as entidades locais, de tal xeito que estas so teñen que aportar a roupa e o material; o que contribúe a aumentar a cooperación municipal e lles axuda a incrementar a prestación de servizos ós seus veciños.
O Lugo Emprega inclúese dentro da oferta de emprego que nestes momentos ten aberta o organismo provincial e coa que 1.400 persoas comezarán a traballar de xeito inmediato. Ademais desta iniciativa, a Deputación crea emprego na provincia co programa formativo Pacto Provincial polo Emprego, coa contratación de bombeiros para os que parques construídos polo Consorcio e coas prazas que se cubrirán para traballar nas dez residencias e centro de día que construirá SUPLUSA noutros tantos Concellos.
Preto de 3 millóns de euros en Pol
Ademais de supervisar o traballo que están a realizar os beneficiarios do Plan Lugo Emprega neste municipio da Terra Chá, o Presidente e o rexedor municipal visitaron varias vías municipais que foron arranxadas polas máquinas do Parque Móbil en 5 das 19 parroquias coas que conta este Concello: Caraño, Silva, San Martiño de Ferreiros, San Andrés de Ferreiros e Valonga.
Estas actuacións súmanse a outras levadas a cabo neste municipio no que vai de mandato polo actual equipo de goberno da Deputación, e que en total suman 2,7 millóns de euros. En materia de infraestruturas, melloráronse con aglomerado en quente varios treitos de cinco estradas provinciais. Dentro dos Plans de Comunidades Veciñais e de Pequenas infraestruturas executáronse actuacións por valor 178.786 euros, e os veciños deste municipio tamén poderán facer dende as súas casas trámites a través de Internet co Innova-TE. Asimesmo, a Deputación tamén construirá unha residencia e centro de día co que creará novos postos de traballo no municipio e freará o despoboamento demográfico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario