lunes, 7 de marzo de 2011

A Deputación dá traballo en Monforte a máis de 40 persoas con novas obras e o Lugo Emprega

Gómez Besteiro supervisa as obras de mellora no acceso ó polígono que xeran 12 postos de emprego grazas ó Plan Extraordinario de Obra Pública
A Deputación reivindica á Xunta a declaración oficial do Camiño de Inverno na presentación en Monforte de Rutas a Santiago en la Provincia de Lugo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ó Alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez, supervisou este venres as obras de mellora que está a executar o organismo provincial na CP 3205 ó seu paso pola cidade do Cabe. Trátase da estrada que dá acceso ó polígono de dito Concello, nas que a Deputación inviste 573.000 euros dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública posto en marcha para adiantar a saída da crise na provincia. Gómez Besteiro salientou que “foi a APEC a que dixo que fomos a única administración que aumentou a licitación de obra pública o ano pasado en Lugo. Por exemplo, nesta obra vai haber traballando 12 persoas nos vindeiros días, ademais de gañar dous metros de ancho de calzada e de beneficiar ós empresarios e ós máis de 100 empregados das 20 empresas asentadas no polígono. É dicir, mentras que outras administracións como a Xunta cando lles falan de emprego miran para outro lado, creo que Deputación está á altura”. Deste xeito, con estas actuacións e o Lugo Emprega, o organismo provincial logra que máis de 40 persoas atopen traballo en Monforte.
O organismo provincial esta a levar a cabo as seguintes actuacións nun treito de 1,5 quilómetros da CP 3205: afirmado e aglomerado en quente de 7 centímetros de espesor; incremento de 2 metros no ancho da calzada; ensanche, reapertura e drenaxe profundo de cunetas; sinalización horizontal e vertical; e colocación de ollos de gato. A Deputación contratou a 12 persoas do sector da construción (enxeñeiros, capataces, maquinistas, peóns, etc...) para acometer ditas actuacións nun prazo de 6 meses. Os recen contratados engádense ás 30 persoas que deixarán de estar en paro a partires de marzo grazas ó Lugo Emprega.
Pola súa banda, o Alcalde de Monforte destacou que “o polígono sempre careceu dun acceso importante, polo que queremos agradecer ó Presidente da Deputación o cumprimento con esta obra, unha vella aspiración dos empresarios”.
Impulso ó Camiño de Inverno
Logo de visitar as obras de mellora da estrada provincia, Gómez Besteiro, tal e como estaba previsto, presentou en Monforte Rutas a Santiago en la Provincia de Lugo logo da petición dunha das autoras de dito libro, ademais de Presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, Aida Menéndez. É a primeira publicación en Galicia que recolle todos os Camiños que atravesan a provincia: Norte, Primitivo, Francés e o de Inverno malia non estar recoñecido oficialmente como tal pola Xunta. A Deputación e este colectivo levan anos traballando conxuntamente no seu impulso. Deste xeito, Km0 a Compostela -a primeira programación previa e estable ó Xacobeo posta en marcha xa en setembro de 2009.- marca xa as rutas de Inverno. Con esta suma de esforzos, logrouse que o Goberno galego incluíse este Camiño na páxina web do Xacobeo. Máis recentemente, logo da edición desta publicación por parte da Deputación, un dos departamentos da Xunta, concretamente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, recoñeceu o seu “interese cultural”. A pesar de todo, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, área tamén do Executivo galego con competencias directas para declaralo oficialmente ruta de peregrinación, non o fixo. Besteiro e Menéndez reivindicaron ó Executivo galego a súa oficialización.
Rutas a Santiago en la Provincia de Lugo contén preto de 300 fotografías que amosan todo o patrimonio turístico, e artístico dos 33 Concellos polos que transcorren os Camiños, ademais dunha completa descrición dos itinerarios e rutas secundarias das que é inescusable a súa visita debido ó alto valor e interese tanto medioambiental como patrimonial.

No hay comentarios:

Publicar un comentario