sábado, 2 de abril de 2011

Comezan a traballar os seleccionados do Lugo Emprega do Incio nas áreas verdes que xestiona SUPLUSA

Este Concello, xunto co de Lourenzá foron os únicos caso nos que a Deputación asumiu a contratación dos traballadores que, legalmente superaron o proceso selectivo, debido ó rexeitamento dos respectivos rexedores
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse ó Concello do Incio, onde recibiu ós sete seleccionados do Plan Lugo Emprega que comezaron a traballar este venres nas áreas verdes que xestiona a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA). A Deputación desenvolveu un plan específico para este municipio ante a decisión manifestada polo Alcalde, Ángel Camino, de rexeitar sumarse á iniciativa impulsada polo organismo provincial coa que 711 parados da provincia atoparon traballo. Por este motivo, a institución luguesa aprobou unha encomenda de xestión a SUPLUSA para que asumise a selección e a contratación dos desempregados. Gómez Besteiro destacou que “é difícil de entender que un Alcalde provoque que os seus veciños se sintan discriminados. Nós sabemos cal é nosa responsabilidade. Por iso, decidimos que Sociedade Urbanística asumise estes traballadores. Estamos nun momento no que calquera administración ten que pensar en dar emprego á xente. Por iso, non podiamos permitir que Incio quedase fóra do Plan”.
Un total de 85 persoas participaron no proceso selectivo que, ó igual que nos outros municipios, consistiu nunha proba de coñecemento sobre as tarefas para as que os resultaron contratados, e unha entrevista persoal. As sete persoas traballarán, durante 6 meses, realizando traballos de mantemento e mellora das áreas verdes que xestiona SUPLUSA en Vilasouto e o río Mao. É dicir, actuarán no encoro do Val de Lemos que abastece auga a Monforte de Lemos. Ademais, tamén se encargarán do inicio das obras de recuperación da Casona situada na zona coñecida como polígono 1.
As dúas excepcións
O Concello do Incio, xunto co de Lourenzá, foron os únicos que non quixeron adherirse ó programa de emprego da Deputación. Unha vez aproado en Pleno, co voto en contra do Partido Popular, o organismo provincial enviou por rexistro unha comunicación oficial a todos os municipios para que se sumasen ó Plan. Neste documento, dábase conta de todos os pasos a seguir, o reparto dos contratados en función da taxa de poboación activa e o número de desempregados de cada municipio. Todos os municipios respostaron satisfactoriamente en tempo e forma, agás o de Incio, cuxo rexedor remitiu unha comunicación na que recoñecía que “non se lle podía esixir a un Concello a contratación deste persoal para o que non se dispón de traballo”. Con todo, déronselle dúas oportunidades para que reconsiderase a súa postura e aceptase ós operarios. Finalmente, o Alcalde decidiu prescindir definitivamente destas persoas.
No caso de Lourenzá, o Alcalde, Vidal Sierra, malia asinar nun principio o convenio de adhesión, tampouco quixo contratar ós 7 seleccionados. Ante esta situación, o organismo provincial reorientounos ós Concellos limítrofes de de Barreiros, Trabada, Foz, Mondoñedo e Riotorto. Destes, todos confirmaron a súa admisión, agás os dous primeiros. Deste xeito, a distribución, para a que se seguiron os mesmos criterios que foron empregados para a elaboración do Plan –proporcionalidade e o número de habitantes- quedou do seguinte xeito: 4 en Foz, 2 Mondoñedo e 1 en Riotorto. Todos os traballadores xa están a pleno rendemento. En total, o organismo provincial inviste na contratación dos 7 desempregados destes dous municipios 152.324 euros. O Plan dispón de 8 millóns de euros e non aumenta a débeda pública, xa que está financiado ó 100% con fondos propios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario